Edición especial limitada de «Mimosas» en BluRay e DVD

Desde NUMAX Distribución temos o pracer de anunciar a saída á venda o mércores 13 de decembro da edición especial limitada en formatos DVD e BluRay de Mimosas, obra fundamental do cinema contemporáneo dirixida polo galego Oliver Laxe.

A coidada edición de Mimosas, que sae ao mercado da man de NUMAX Distribución e Cameo, conta con dobre copia, en formato DVD e BluRay, do filme que gañou o Grand Prix Nespresso na Semaine de la Critique do Festival de Cannes 2016. A edición conta coa versión orixinal do filme en árabe con subtítulos ao galego e español.

Nos materiais extra do pack inclúense, tamén en DVD e BluRay, a mediametraxe París #1, coa que Oliver Laxe se deu a coñecer internacionalmente, mellor documental galego no Festival Play-Doc de Tui en 2009, e proxectada en certames de prestixio como o BAFICI, Indielisboa ou L’Alternativa. Os extras inclúen o tráiler de Mimosas con subtítulos en español e a edición dun libro moi especial: La debilidad de creer, diario de rodaxe de Santiago Fillol, guionista do filme. Podedes acceder a un adianto deste volume, de 112 páxinas, premendo aquí.

Estreada en salas de toda España en xaneiro de 2017 por NUMAX Distribución, Mimosas foi unha das sensacións da tempada, acadando o entusiasmo de público e crítica. O filme de Oliver Laxe constrúese como un western metafísico protagonizado por un ancián moribundo e dous buscavidas, que emprenden unha viaxe fisica e espiritual a través do Atlas marroquí. Ademais do seu paso triunfal por Cannes, Mimosas acadou o Premio Especial do Xurado e Mencións Especial ao Mellor Son e Montaxe no Festival de Sevilla e o Premio ao Mellor Filme e Mellor Actor —Shakib Ben Omar— no Festival do Cairo.

«Intensa, marabillosa e esencial, a maior experiencia espiritual de Cannes» (Bande à Part)

Outras novas

  • Agora, Abrir puertas e ventanas revélase como algo aínda máis significativo que no momento da súa estrea mundial: película intimista pero non pechada sobre si mesma, tráta á vez da culminación dun certo novo cinema arxentino —con todos os matices e diferenzas, o que vai de Lisandro Alonso a Matías Piñeiro, de Lucrecia Martel a Celina Murga— e da súa apertura cara a outros horizontes.