«O león dorme esta noite» — Notas de produción #05

Finalizamos as notas de produción de Nobuhiro Suwa para O león dorme esta noite coas fermosas historias creadas polos nenos e nenas do taller de Peymenade.

Nobuhiro Suwa

O obxectivo dos talleres que organizamos en Peymenade era observar o proceso de creación dos pequenos sen proxectar sobre eles prexuízos de adultos. Quería ver como eles percibían as cousas. Por aquel entón na miña cabeza non estaba a idea de que os nenos fosen protagonistas da película facendo deles mesmos. O obxectivo do taller era o seguinte: imaxinar cos nenos a histora do filme O león dorme esta noite. Máis aló do feito de que estes talleres serviron de casting, o importante era que todos os mozos experimentasen a creación a través da rodaxe na cal debían de colaborar os uns cos outros.

As historias imaxinadas polos nenos formaron parte do guión da película (son o director e o guionista os que se ocuparon da trama xeral) e certos nenos continuaron participando no desenvolvemento do proxecto. Os nenos que participaron na película foron elixidos entre aqueles que participaron nos talleres. Pero non participaron no filme só como actores, senón tamén en tanto guionistas na medida en que eles mesmos inventaron os seus personaxes.

Dos tres talleres saíron catro curtametraxes con outras tantas historias nas que os protagonistas eran un señor maior e uns nenos. Velaquí unha das catro historias imaxinadas polos mozos.

Sen título
Membros do grupo: Adrien, Louis, Mathis, Justine, Charlin

Reencontro
Os pais, o tío e a tía de Max, a moi rica Faustine, os pais de Léa, os de Alexis e os de Jean-Batiste están na mesa. Os nenos están no borde da mesa. Léa di que se aburre. Faustine proponlles aos nenos que abandonen a mesa para xogar ás agachadas. Léa pide autorización aos seus pais. Pero os pais dinlle: «Pero antes tedes que recoller os pratos...E non vos aproximedes á casa abandonada, porque é perigoso». Os nenos saen e din: «Vale, grazas». Só Alexis non sae e descansa. A súa nai pídelle aos amigos de Alexis: «Sede amábeis, levádeo convosco». Léa reponde «Ah non, el nunca fala, non me cae simpático». Jean-Baptiste: «Coidado Léa, Alexis é autista». A nai de Alexis: «Non é autista, está un pouco perdido no mundo. É algo tímido». Jean-Baptiste colle do brazo ao seu primo (Alexis) e saen todos xuntos.

As agachadas
Léa non quere apandar e sortéano de maneira que lle toque a Alexis. Os catro pícaros escóndense. Max, que non obedece a orde dos seus pais, agóchase na casa abandona. Alexis atopa a Léa, que non se escondeu ben. Léa axuda a Alexis e atopan a Faustine e Jean-Baptiste. Pero non chegan a atopar a Max. Max, ao que lle gusta facer o trasto, sobe ao tellado da casa. As tellas están algo rotas e Max fai caer parte do tellado. Os outros nenos escoitan o grito de Max. Léa non quere aproximarse á casa. Os outros tres queren entrar. Max cóase no interior da casa por un buraco. Jean-Baptiste pregunta: «Todo ben?». Max responde: «Si». Os nenos danse conta de que unha porta está aberta.

Entran na casa e atópanse cun señor maior nunha cadeira de rodas. Max dálle amablemente un puntapé para espertalo: «Desculpe señor, vive alguén aquí?». O señor espera e rifa cos nenos: «Que estades facendo aquí?». Os nenos escúsanse: «Perdoe señor!»

Logo das agachadas
Léa di que non quere volver á casa abandonada. Faustine di que ela vai avisar aos seus pais. Jean-Baptiste di: «Non é necesario. Vannos rifar». Faustine responde: «Pero é estraño, suponse que non vive ninguén nesa casa». Os nenos discuten sobre un posíbel retorno á casa abandonada. Alexis diríxese á casa. Os outros séguenno. Entran todos na casa.

Segundo encontro
Os nenos ven ao vello discutir con outra persoa malia estar só. Pero Alexis ve algo que os demais non poden: unha muller un pouco transparente. Jean-Baptiste pregunta: «Con quen discute?». Léa responde: «Está algo tolo. Seguramente beba demasiado». Faustine: «Xa caerá. Fala só».
O vello: «Eu non fun cruel. Pero por que viñeron eses nenos?»
Max: «A quen lle fala? Fala de nós?»
Alexis: «Fala coa súa muller».
Os outros nenos miran a Alexis con suspicacia: Faustine: «¡Señora!». Léa: «Ti tamén bebiches!». Alexis: «Ela está aí só ás veces». Jean-Baptiste: «Pero onde? Non hai ninguén».
O vello recibe a bronca da súa muller por ser cruel cos nenos.
O vello: «Vale, comprendino. A próxima vez non lles meterei medo».
Max, ao que lle gusta facer trasnadas, lanza unha pedra contra o vidro. O vidro cae. O vello vólvese cara aos nenos: «Quen foi?»
Os nenos entran no cuarto. Alexis pregúntalle ao vello: «É a súa muller?». El responde: «Falo só. Estou no meu dereito.»
Os nenos pregúntanlle por que vive só.
O vello respóndelles de mala maneira: «¡Iso non é cousa vosa!». A súa muller: «Prometérasmo». Alexis mira á muller, ela mírao, parece sorprendida. Ela decatouse de que Alexis a pode ver e pregúntalle: «Podes oirme?». Alexis: «Si, pero por que?»
Alexis pregúntase por que os demais non ven á muller e comprende que se debe a que é unha visión.
Max, que toca sempre todas as cousas, agárrase a un fío que fai caer unha antena sobre a muller. A antena atravesa a muller. Alexis comprende que é unha pantasma.
Alexis: «Vostede é...». A pantasma: «Silencio...»
Jean-Baptiste pregúntalle a Alexis: «Estás ben?». Léa responde: «Voume». Faustine: «Volveremos mañá, xa é tarde. Os nosos pais vanse a inquietar». Max e Alexis: «Até logo, señora».

Mañá e os días seguintes
Os nenos volven á casa para verse co señor. Jean-Baptiste quere compoñer unha canción coa súa batería, pois os seus pais dixéranlle que a música podía acougar un corazón en problemas. Pero non conseguen empatizar co señor. Max fai trasnadas todo o tempo, pero non lle fan rir. Ao mesmo tempo, el agarda con impaciencia que os nenos o visiten. Paralelamente ás visitas dos nenos, a pantasma aparece de cando en vez.
Un día, Alexis pregúntalle ao vello onde está a súa muller. Pero el non pode responderlle. Faustine rouba diñeiro aos seus pais ricos e os nenos buscan cousas para o vello con eses cartos. Léa fai como a súa irmá, pero compra tamén cousas para si mesma. Alexis pensa que o vello necesita un novo compañeiro, por exemplo un can...
Max, que segue facendo o trasno, rouba un can á sociedade protectora de animais. O vello decide chamalo René. O vello está agora máis contento, pero non quere saír da casa. Para que saia é preciso que estea aínda máis feliz. Alexis discute coa pantasma e comprende que as súas aparicións se deben a que non quere deixar ao vello en soidade. Max colle o vello da man e érgueo do sillón. Ambos saen ao exterior onde brilla a luz do sol. A pantasma dille adeus e desaparece na luz. O vello sorrí a Alexis con bágoas nos ollos. Alexis di: «Non teña medo, ocupareime de vostede». O vello segue a Alexis sorrindo.

FIN

Outras novas