«O león dorme esta noite» — Notas de produción #01

Iniciamos a publicación das notas de produción que percorren o apaixonante proceso creativo que deu lugar a O león dorme esta noite. Para comezar Suwa rememora, non sen certa emoción, o encontro co seu admirado Jean-Pierre Léaud.

Nobuhiro Suwa

«Foi no Festival de La Roche-sur-Yon en outubro de 2012 cando me encontrei a Jean-Pierre por vez primeira, organizaban unha retrospectiva integral da miña obra e ao mesmo tempo da súa. «É posíbel que o encontre», pensaba vagamente. Xusto antes da inauguración do festival, a miña produtora comunicoume que Jean-Pierre lle pedira os meus filmes en DVD para velos. Finalmente, resultou estar interesado polo meu traballo e desexaba coñecerme. Presentouse ao encontro con traxe e gravata, moi ledo, e saudoume imitando a un actor mudo, erguendo o chapeu. Falamos arreo dos seus filmes. Nun momento determinado cantaruxei a melodía da canción que Jean-Pierre cantaba en Weekend (Jean-Luc Godard, 1967) e el uniuse a min. Cantamos xuntos Allo... tu m'entends? De Guy Béart. Jean-Pierre contoume que Godard escollera esta canción e que lle mercou un tocadiscos para que aprendese as letras. Jean-Pierre cántaa de novo n'O león pero esta vez bailando.

Nese intre non falamos en concreto da idea de facer un filme xuntos. Nun xornal local recolleuse desta maneira o encontro. «Que se están a dicir? Non o saberemos. Mais é posíbel que a idea dun filme conxunto agrome deste encontro. Os dous convidados de honra, Nobuhiro Suwa e o actor Jean-Pierre Léaud, compartiron xuntos un momento durante o festival de cinema de La Roche-sur-Yon. Ao ver o seu sorriso, o feeling entre estes dous homes, algo ten que xurdir.»

Naquela época eu dirixía a Universidade Zokei de Tokyo e a miña vida cotiá estaba desbordada polas reunións. Este momento privilexiado que compartín con Jean-Pierre foi como un milagre.»

Outras novas