O principio da incerteza: retrospectiva a Nobuhiro Suwa no D'A Film Festival

Do 26 de abril ao 6 de maio, o D'A Film Festival de Barcelona dedica unha exclusiva retrospectiva á obra de Nobuhiro Suwa, autor da marabillosa O león dorme esta noite. Deixámosvos co estupendo texto elaborado para a ocasión por Manu Yáñez e o vídeo promocional.

Manu Yáñez

Para Nobuhiro Suwa (Hiroshima, 1960), non hai outro camiño cara á verdade cinematográfica que a aceptación da incerteza. Unha máxima que na obra do xaponés acada múltiples formas, empezando pola súa reticencia a empregar guións pechados, favorecendo o traballo de improvisación cos seus actores e actrices, sexa Béatrice Dalle (H Story, 2001), Jean-Pierre Léaud (El león duerme esta noche, 2017) ou unha parella de nenas de nove anos (Yuki & Nina, 2009). Unha metodoloxía que sitúa cada momento do cinema de Suwa á beira dun abismo realista, un tremor que, emparellado coa fereza conceptual, xera filmes fendidos, cheos de sacudidas sensoriais e intelectuais. Como definir senón os intres en que os actores de H Story deixan de actuar, incapaces de poñer en escena un remake de Hiroshima mon amour (o proxecto fracasado, ese gran leitmotiv do cinema da modernidade)? Ou como describir os planos de cor vermella que acompasan poeticamente a agonía romántica de Valeria Bruni Tedeschi e Bruno Todeschini en Un couple parfait (2005)?

Neste cinema aberto ao misterio xoga un papel central o encuentro fílmico entre Oriente e Occidente. Así, M/other (1999) pode verse como a irmandade entre a herdanza de Yasujiro Ozu –coa súa capacidade para sondear a realidade xaponesa a través do doméstico– e o espírito de John Cassavetes, coa súa abordaxe inquieta ás turbulencias emocionais. Un diálogo intercontinental ao que cabería sumar a sombra alongada de Viaggio in Italia de Roberto Rossellini, proxectada sobre as revelacións amorosas de Un couple parfait, ou os achegamentos ao fantasmagórico de Alfred Hitchcock, Kenji Mizoguchi e Jacques Rivette, que colisionan n'O león dorme esta noite. Suwa, ese cineasta que converte o vello en novo, o afastado en próximo, o enigmático en pura clarividencia.

Manu Yáñez

 

Outras novas

  • O león dorme esta noite comeza a tomar sitio nas principais revistas especializadas do país. Nas páxinas centrais de Cinemanía vemos o gran Jean-Pierre Léaud dando luz á agardada estrea de Nobuhiro Suwa.

  • Ao seu paso polo Festival de San Sebastián O león dorme esta noite deixou prendado a boa parte de público e crítica. Aquí tedes as primeiras impresións tras o visionado de Luis Martínez para El Mundo.