Top 10 de cinema político, por Jean-Gabriel Périot

Jean-Gabriel Périot, director d'As nosas derrotas, elabora e comenta un decálogo de títulos nos que o cinema se emprega como ferramenta de cambio, loita e pensamento político. Ahí vai!

Jean-Gabriel Périot

  • Now! (Santiago Álvarez, 1965)
    «No seo do Instituto Cubano (ICAIC) que cofundou tras a Revolución, Santiago Álvarez realizou case un cento de filmes de actualidade, mesturando arquivos e imaxes filmadas, elaborando unha sorte de catálogo de loitas que se estaban a librar en todo o planeta. Now! é un dos seus maiores filmes. Abondan uns poucos minutos para que saiamos con gana de combater».

  • O home da cámara (Dziga Vertov, 1929)
    «Segundo Vertov, o cinema pode ser unha arma revolucionaria pero sempre coa condición de que o contido político do filme estea acompañado por unha gramática visual inédita e propiamente cinematográfica. O home da cámara é o filme manifesto, fundador da vangarda cinematográfica artística e política nun dobre e único movemento.

  • O nacemento dunha nación / Intolerancia (D.W. Griffith, 1915 / 1916)
    «Habitualmente restrinximos o discurso sobre cinema e política ás películas consideradas de esquerdas e case nunca nos interrogamos sobre cómo sería un cinema de dereitas. Griffith é para min a figura central dese cinema. En só dous filmes, moi reaccionarios ou claramente fascistas, inventa as bases da gramática do cinema comercial así como todo un sistema de produción e distribución. Unha gramática e un sistema que permanecen case intactos a día de hoxe. O mesmo cinema maioritario que se escribe e se pensa hoxe como medio de propaganda do suprematismo branco norteamericano».

  • Jean-Luc Godard, período 1966-1974.
    «Resúltame imposible escoller unha soa obra do período político de Godard, no que realizou numerosos filmes importantes en moi pouco tempo: La Chinoise, Tout va bien, Sympathy for the Devil, os filmes do Grupo Dziga Vertov... Poderiamos reunir este grupo de filmes arredor dunha cuestión: O cinema é ou pode ser unha arma revolucionaria? Desgrazadamente o ciclo péchase coa espléndida Ici et ailleurs na que un Godard (a)batido ofrece esta resposta: o cinema non pode facer nada concreto contra a violencia do real».

  • Chris Marker e o Grupo Medvedkine.
    «Ao igual que con Godard, é difícil elixir unha soa película de Marker dado que a súa obra é fundamental na intersección do cinema e a política. En todo caso, e contrariamente a moitos cineastas políticos que falan desde a súa posición de intelectuais maiormente masculinos, brancos e, case sempre, burgueses, Marker fai o seu cinema ao nivel do pobo, á súa altura. Así, en À bientôt j'espère, e en cada un dos seus filmes colectivos dos grupos Medvedkine, son os obreiros os que se enuncian a si mesmos. Marker non fala por eles, ofrécelles un espazo para se expresaren.»

  • Declaración de Guerra Mundial (Koji Wakamatsu / Masao Adachi, 1971)
    «Realizado por dous dos máis importantes cineastas radicais xaponeses (é importante ver absolutamente todas as súas obras), este documental é un dos escasos exempos que coñezo de filme posto ao servizo dun grupo de resistencia armado que permita aos guerrilleiros expresarse. Neste caso, os membros do FPLP palestino a quen se unen combatentes do Exército Vermello Xaponés. Podemos relacionala con Underground, de Emile de Antonio, que consiste nunha longa e apaixonante entrevista cos membros da Weather Underground, unha guerrilla urbana norteamericana.»

  • Jeannette, a infancia de Xoana de Arco / Xoana de Arco (Bruno Dumont, 2017 / 2019)
    «Existen moitos filmes de ficción que teñen por tema principal a política (poñendo en escena a presidentes, ministros ou, pola contra, militantes e folguistas...). Hai tamén numerosos filmes sociais que mostran con piedade as miserias vividas por xente pobre e desclasada. Pero son máis raros os filmes de ficción realmente políticos que non se realizan simplemente para tranquilizarnos por medio da empatía. Un filme político precisa, na miña opinión, poñerse á mesma altura do home e da muller e afirmar a súa forza poética. É o caso de Dumont, especialmente nestes dous filmes recentes onde unha moza Xoana de Arco chega a representar a todos aqueles que loitan contra a inxustiza, cun fin revolucionario, unha Xoana de Arco que podería ser tamén unha Ulrike Meinhof».

  • L'Époque (Matthieu Bareyre, 2018)
    «Despois dos anos 80, o cinema con vocación política encóntrase nunha situación moribunda e son raras as obras interesantes a nivel visual e narrativo. Pero, felizmente, tras varios anos a cousa mudou. E como resposta aos numerosos movementos de protesta que aparecen por todo o mundo, unha parte do cinema se repolitizou. De entre os filmes producidos nestes últimos anos, L'Époque paréceme moi sintomática das novas formas de produción (equipo mínimo, filmación durante un longo período, ausencia de guión previo) e de enunciación. Acompañada dunha fotografía espléndida, estes retratos nocturnos dunha moza parisina plenamente viva, mesmo resistente, sentáronme especialmente ben».

Outras novas

  • Agora, Abrir puertas y ventanas revélase como algo aínda máis significativo que no momento da súa estrea mundial: película intimista pero non pechada sobre si mesma, tráta á vez da culminación dun certo novo cinema arxentino —con todos os matices e diferenzas, o que vai de Lisandro Alonso a Matías Piñeiro, de Lucrecia Martel a Celina Murga— e da súa apertura cara a outros horizontes.