Milagros Mumenthaler

Milagros Mumenthaler nace en Córdoba, Arxentina, en 1977, pero pasa a súa infancia e xuventude en Suíza, a onde ten que exiliarse a súa familia. Nos anos noventa, decide regresar ao seu país de orixe para ingresar na Universidade de Cine de Buenos Aires onde se gradúa no ano 2000. A continuación, emprende a súa carreira como realizadora cunha serie de talentosas curtometraxes nas que vai conformando a súa orixinal mirada. Ao seu debut con ¿Cuándo llega papá? (2000) e Cape Cod (2003) segue El patio (2004), fermosa peza de cámara premiada en BAFICI na que emerxe o particular universo creativo de Mumenthaler, determinado por un suxeito enunciador decididamente feminino. En 2007, é seleccionada por un xurado encabezado por Laurent Cantet para formar parte de Cinéfondation, residencia artística do Festival de Cannes na que deron os seus primeiros pasos Lucrecia Martel, Jaime Rosales ou László Nemes (O fillo de Saúl). Ese mesmo ano a súa curta Amancay (2007) é seleccionada no Festival de Locarno, un certame que a consagra internacionalmente coa súa primeira longametraxe, Abrir puertas y ventanas (2011), que obtén cinco premios entre eles a Mellor Filme.

En 2017, da man de NUMAX Distribución, o xenio de Milagros Mumenthaler chega por vez primeira ás pantallas españolas con La idea de un lago, emocionante retrato sobre a perda e a memoria seleccionado en grandes festivais como Locarno e San Sebastián. Unha obra milagrosa e plena de beleza que promete facer as delicias do público español.

Filmes