Nobuhiro Suwa

Nobuhiro Suwa (Hiroshima, 1960) inicia a súa carreira no cinema documental. En 1997 debuta na ficción con 2/Dúo, obra na que revela a súa mestría para filmar a intimidade, galardoada co premio NETPAC do Festival de Rotterdam. A consagración internacional chégalle en 1999 con M/Other, abraiante retrato da muller xaponesa contemporánea coa que obtén o Premio FIPRESCI no Festival de Cannes. En 2001, H/Story permítelle retomar a historia da súa cidade natal, Hiroshima, poñendo en escena a rodaxe dun remake de Hiroshima mon amour de Alain Resnais. Con esta obra, estreada na sección Un Certain Regard de Cannes, inicia unha colaboración co cinema europeo que xa non abandonará.

En Francia filma canda Juliette Binoche un capítulo do filme colectivo Paris, je t'aime e en 2005 obtén o Premio especial do Xurado en Locarno por Una pareja perfecta, marabillosa disección da parella moderna protagonizada por Valeria Bruni-Tedeschi e Bruno Todeschini. Xa en 2009, xunto ao actor Hippolyte Girardot, realiza Yuki y Nina, delicada aproximación á infancia, presentada na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Case unha década tiveron que agardar os afeccionados ao bo cinema deste país para volver gozar da maestría de Nobuhiro Suwa con O león dorme esta noite. O seu traballo canda Jean-Pierre Léaud brinda unha das maiores leccións sobre a existencia humana dos últimos tempos.

Nobuhiro Suwa

Filmes