Óscar Ruiz Navia

A pesar da súa xuventude, Óscar Ruiz Navia (Cali, 1982) conta cunha importante filmografía na que exporta unha imaxe de Colombia arredada dos tópicos representacionais do país. Logo de estudar na Escola de Cinema da Universidade de Colombia, Navia implícase na programación do cineclub Cine de Autor de Cali e, con tan só 24 anos, decide dedicarse profesionalmente ao cinema, funda a compañía Contravía Films e inicia unha febril actividade como produtor e director que acada grande importancia na renovación cinematográfica que se vive nos últimos tempos en Colombia.

En 2009, Navia asina a súa primeira longametraxe, El vuelco del cangrejo, estreada no Festival Internacional de Cinema de Toronto, con mención especial no Festival Internacional de Cinema Independente de Buenos Aires (BAFICI) e Premio FIPRESCI na Berlinale. Ademais foi proposto por Colombia en 2010 como filme candidato aos Oscar á mellor longametraxe de fala non inglesa. Tras realizar en 2013 Solecito, unha deliciosa curtametraxe na que Navia explora até o límite as posibilidades da actuación non profesional, chegamos a Los hongos, obra capital que achega un bafo de liderdade e aire fresco ao novo cinema colombiano. Esta obra consolida a Ruiz Navia como un dos grandes autores do cinema latinoamericano, tras obter premio en festivais internacionais de prestixio como Locarno, Rotterdam, Sevilla e no seu Cali natal.

Filmes