Rita Azevedo Gomes

A súa carreira comeza a inicios dos 70 e comprende cinema (con Manoel de Oliveira, Noronha da Costa, Werner Schröeter, Eduardo de Gregório, Valeria Sarmiento e outros), teatro (A gaivota de Chejov, Antígona de Sófocles, Bérénice de Racine, etc.) e ópera (A raíña das fadas, O rei Arthur, A Traviata, Idomeneo, Platea, O entroido dos animais, etc.)

Durante 30 anos traballou man a man con João Bénard da Costa, primeiro no Departamento de Cinema da Fundación Gulbenkian e, desde 1993, na Cinemateca Portuguesa. Durante este tempo forxou unha sólida reputación polos seus traballos de deseño gráfico en catálogos de cinema e publicacións cinematográficas.

A súa filmografía empeza en 1990 con O som da terra a tremer, unha obra intimamente ligada co cinema de Marguerite Duras que presenta un universo referencial decididamente feminino. A este filme inaugural seguen outros de media e longa metraxe proxectos e aclamados en festivais internacionais —Venecia, Montreal, BAFICI, Turín, Viennale, Jeonju, DocLisboa, Marsella, Cinesul Rio, entre outros— e distribuídos en Portugal, Francia e España. En 2013, o BAFICI organizou unha retrospectiva completa do seu traballo.

Porén, non será até 2016 cando o seu cinema se dea a coñecer ante o público español, coa estrea por parte de NUMAX Distribución d'A vinganza dunha muller (2012), exemplar adaptación d'As diabólicas de Barbey d'Aurebilly, que namorou a espectadores de todo o país. 2017 é o ano de Correspondencias, unha obra de arte total que a consolida como unha das grandes directoras do noso tempo.

Rita Azevedo Gomes

Filmes